Historia: A invasión turca en 1617
En 1617 tiveron lugar os feitos máis dramáticos que coñeceu Cangas ao longo da súa dilatada Historia. Un 4 de decembro, os habitantes da ría de Vigo vían espantados como once navíos corsarios turco-berberiscos fondeaban nas Illas Cíes. Os seus propósitos non podían ser máis sanguinolentos: causar a maior desfeita posible nas posesións da Coroa Española, e practicar a rapiña e a pillaxe.
Antecedentes: derrota en Lepanto
Estes acontecementos teñen a súa orixe na derrota da escuadra turca en Lepanto e no afán de vinganza que despois desenvolvería o sultán de Constantinopla, Ahmed I, logo de que barcos españois escorrentasen e vencesen outros da súa armada nas augas do Mediterráneo.
Con todo, o auxe da piratería berberisca deberase á incorporación nela de corsarios ingleses e holandeses, como John Ward e Zymen Danseker (Simon de Danser), os cales, desde o ano 1600, lles achegan técnicas de navegación e de xenreira contra os católicos españois por mor das guerras de relixión e a construción de naves capaces de afrontar as bravas augas do Atlántico.
A proscrición do corso por Inglaterra en 1603 levarían a moitos anglos, holandeses e incluso franceses a colaborar cos berberiscos norteafricanos, que daquela formaban parte do Imperio otomán. Con esta nova disposición coa axuda estranxeira, o sultán aprestaria cen naves para que atacasen os reinos españois, e estas mesmo chegarían ás costas de Galiza e outros pases do norte de Europa.
Primeiros ataques contra Vigo
Neste contexto bélico, o luns 4 de decembro do ano 1617 fondea nas Illas Cíes unha escuadra de once navíos de piratas turco-berberiscos. Alí permanecerán durante uns días, ata que deciden internarse na ría e atacar Vigo, que aínda carecía de murallas e apenas contaba cunha batería para a defensa do porto, malia que ben cumpriría co seu obxectivo.
Isto motivaría os turcos para tratar de invadila polos areais desde diversos puntos, como a praia de Coia, A Laxe e a praia do Areal, nos que foron rexeitados polas milicias e os paisanos armados. Ao atoparen unha forte defensa nestes lugares, buscarian outras zonas máis febles da costa, como o portiño de Teis, pero o acoso dos veciños e das tropas obrigaríaos a reembarcar outra vez e facer noite na enseada de San Simón.
Ataque turco en Domaio
O venres día 8, finalmente, deciden poñer rumbo ao Morrazo, na outra beira da ría, que apenas contaba con protección armada, e xa nas primeiras horas do día desembarcan en Domaio. Os capitáns que mandaban as compañías de defensa da zona, Pedro Costas e Pedro Bermúdez, e o alférez Domingo Pérez, acompañados por homes de armas e paisanos, intentarian facerlles fronte, sen outro éxito que unha retirada forzosa que deixaría sete vítimas na praia. Entre eles, e pola posterior relación cos sucesos derivados deste desastre, figuraban Antón Soliña e Pedro Barba, irmán e marido de María Soliña, respectivamente.
Ataque turco en Cangas
Unha vez arrasada e queimada a parroquia de Domaio, os turcos, xa cunha importante carga de cativos e gando nas bodegas, achéganse outra vez a Vigo, onde novamente son rexeitados. Entón poñen proa cara a Cangas e fondean en fronte da vila esa mesma noite. Durante as primeiras horas da mañá do día 9, protexidos por un forte fogo de artillería e provistos de moita fusilería, os turcos desembarcan na vila e áchana totalmente desprotexida.
A primeira vaga de ataque chega en sete lanchas, que poñen pé en terra na praia de Rodeira, e noutras catro embarcacións máis, que o fan pola punta de Balea. Os capitáns e mais o alférez das milicias, coa pouca tropa que tiñan disponible e a pobre axuda dos veciños, tentan facerlle fronte a aquela horda invasora que superaba os mil homes.
Ao pouco, os mortos e os cativos cóntanse por ducias, e o horror da depredación, do asasinato máis vil e do saqueo máis inicuo vólvense indescritibles. A queima do hospital, da colexiata, da igrexa de Darbo e de máis de cento cincuenta casas, entre elas as máis ricas e podentes, ofrecía aos ollos dos numerosos fuxidos, que se agochaban nos montes próximos, un dantesco espectáculo no que se mesturaba a súa impotencia coa atrocidade dos piratas, os cales se cebaban na desprotección de inocentes vítimas e inanes cativos que levaban cara a un destino incerto.
Tras sete días de continua depredación e saqueo da zona, chegando a Coiro, Cela, Vilariño…, os turcos víronse na obriga de reembarcar ao se apercibiren da chegada das, polo que se ve, lentas milicias de Pontevedra. Con todo, na súa saída da ría, sen esquecer o seu obxectivo inicial de espoliar Vigo, aínda intentarían un último desembarco na praia de Samil, onde serían rexeitados definitivamente.
Noticias do ataque en Santiago
O 15 de decembro dese mesmo ano, unha vez coñecido en Santiago o que acontecera, o cabido remítelle un despacho ao bispo auxiliar Fernando que trata sobre os medios para, a través da Orde da Mercé, lograr o rescate dos cativos, cuxa liberación dependía exclusivamente das posibilidades económicas de cada un.
Co gallo de amortecer os danos do desastre e, sobre todo, de prover unha defensa máis axeitada, a Facenda Real adiántalle ao Capitán Xeneral de Galiza, Rodrigo Pacheco y Osorio, marqués de Cerralbo, a suma de 30.000 ducados. Estes cartos, que despois serían recadados entre os habitantes de toda Galiza, empregaríanse na construción de seis barcos para enfrontarse aos turcos, que seguían a atacar os nosos portos costeiros (desta tamén se instalaría a famosa batería do mosteiro de Oia). O cabido, por outra banda, doaríalle á Colexiata un terno, un cáliz e vinte ducados para roupa branca. En Darbo reporíase a imaxe da Virxe, e logo procederíase ao seu vestido, e tamén se realizarían diversas obras de reparación da igrexa.
O 19 outubro de 1618, o capitán da compañía de Cangas, Domingo Prego de Montaos, preso aínda xunto con moitos veciños da vila, remite unha carta desde o seu cativerio de Alxer para demandar a súa liberación. Esta alcanzaba a suma de 100 ducados, cantidade que se envía de inmediato. As posibilidades de liberación da maioría dos cativos, máis humildes e con poucos recursos, dependían, como di Lucas Labrada, «da preocupación dos pais por rescatar aos fillos, os maridos ás mulleres e elas aos seus homes e os parentes uns por outros que consumían e vendían canto tiñan e non chegándolles, saían a pedir o que lles faltaba».
E é que as nosas costas, ademais de Cangas, sufrían unha constante sangría humana e de recursos, froito das constantes depredacións e asaltos que os piratas e corsarios de todo tipo exercían, ben apresando os mariñeiros mentres faenaban no mar, ben saíndo a terra tanto de día coma de noite para capturar homes, mulleres e nenos, para matar uns e levar os outros, sendo máis de cincocentos os que cada ano sufrían tal calamidade.
Resultado do ataque
O pobo de Cangas tardou moito tempo en recuperarse daquel desastre. A súa poboación quedou decimada; a súa economía, estragada. Un novo azoute, a fame, cebouse cos máis desfavorecidos, o que se vería agravado polas malas colleitas durante os anos vindeiros. Aqueles terribles sucesos deixaron na memoria colectiva de Cangas fondas cicatrices de dor e de medo, que ao final quedaron inmortalizadas pola tradición oral. É o caso dun famoso poema anónimo da época, que nos di nunha das súas estrofas:
«…Viñeron os mouros arrenegados,
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe.
Todo arrasaron e estaba el
Ala para moi lonxe, lonxe, lonxe,
¡Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento! »
Carta do Procurador Xeral
O Procurador Xeral, Gerónimo Núñez emitía unha memoria ó xuíz principal desta xurisdicción, Don Diego Vélez de Guevara co seguinte texto:
Geronimo Nuñez, Procurador general de esta villa de Cangas delante V. m. paresco y digo: que el lunes pasado que se contaron cuatro dias deste presente mes de diciembre e año de mil seiscientos y diez e siete an aportado y dado fondo en las islas de sias que dissen de bayona una esquadra de honze nabes ggruesas de piratas corsarios turcos y moros
“…, los cuales de allí se entraron en la ria adentro de esta villa y de Vigo e bocas y el biernes luego siguiente que se encontraron ocho del dho. mes y año salieron en tierra en la feligresia de san Pedro de domayo jurdizion desta villa en donde se les rresistio por los capitanes y gente de la dha. Felegresia y cautibado y muerto siete personas della e de allí se vinieron a surgir y dar fondo el dicho día a la playa e puerto deste dha. villa en donde el sabado siguiente a las siete de la mañana acometieron hasta dha. Villa y saltaron en tierra con lanchas dando el favor para ello las dichas naves con la mucha artillería que han disparado mas de mill moros y turcos mosqueteros armados con coseletes y otros con flechas lanças y alfanges a cuya potencia no se pudo rresistir por la gente de la dha. villa e su tierra que estava en su defensa por ser Puerto maritimo sin muralla artillería fuerte ni defenssa alguna y quemaron y rrobaron la iglesia colegial y hospital de la dicha yglessia y los ornamentos y plata que enella avia la an llevado y asi mesmo an rrobado toda la dicha villa y quemado y destruido las tres partes della y las casas mas prencipales y de la gente mas prencipal y rrica que enella avia y en muerto mas de cien perssonas con muchas heridas y cuchilladas que le en dado y cautivado otras mas de doscientas perssonas hombres y mugeres y niños deste villa que era de las prencipales del rreino de mas de quatro cientos vecinos y muchos dellos perssonas rricas quedo perdida asolada y despoblada y la gente que aquedado tan pobre y necesitada que no les aquedado se vestido que echar sobressi ellos ni sus mugeres y familia ni otra cossa de que valerse en que su magestad aperdido de alacabalas, sissas, sal, servicio hordinarlo, bulas y otros tributos que se le pagan mas de ssetenta mill reales cada un año y para que de ello conste a V. m. pido e suplico mande Recibir ynformación de lo aqui contenido para que su magestad El Rey nuestro señor ssea ynformado de la destruición quema y rruina del dicho pueblo, muertes y cautiberio de los dichos vecinos y sse sirba de amparar la dicha villa y hacelle merced para que se buelba a rrestauar..”
Continuar: Consecuencias do ataque turco: a historia de María Soliña